sábado, 5 de abril de 2008

** TEMPUS FUGIT

¡Moitas grazas Julio! Efectivamente, hoxe ás 10:30 da maña caeu outro ano máis e xa van uns cantos dende aquel lonxano 5 de abril dos anos setenta. Xa son unha persoa “adulta”, o DNI confirma este dato pero eu resístome canto podo a abandonar a xuventude. O outro día un fulano dun banco co que manteño unha controversia que vai acabar en denuncia en Consumo, para quitarlle validez ós meus argumentos, chamoume “neniña”. Algo así como “neniña non te enteras de nada”, aínda que non se atreveu a rematar a frase. ¡Qué machistas son algúns homes! Pois qué queredes que vos diga, xa me gustaría volver a ser unha neniña bobalicona que se deixa amedrentar por un tiparraco coma ese do BBVA. A mocidade é unha época fantástica. Cando estaba na universidade, co cambio da hora e a chegada do bo tempo chegaban as “tardes do campus”. Consistían, basicamente, en pasear cos amigos polo campus, despois de saír da clase, mentres nos deixábamos acariñar polos últimos raios do sol. Añoro aquela vida despreocupada, a plácida tranquilidade daquelas tardes de sol manso, a paz do estanque de Fonseca, que non recordo se ten nenúfares ou non, pero que na miña memoria compón un recordo tan fermoso coma un cadro de Monet. Onte estiven no campus á procura daquela sensación. Non a atopei. Todo segue igual e todo é diferente. O mesmo lugar, outro tempo, outra muller. ¿Outra muller? Non, non creo. Son a mesma, sigo mirando o mundo cos meus ollos miopes. O reloxo da cociña golpéame co seu monótono e ruidoso tic-tac e a min cústame desconectar. Tic-tac, e pasa un segundo, tic-tac e pasa outro, e logo outro máis. E así, a golpe de segundos faise un minuto que pode converterse nun instante ou nunha eternidade. Depende, o tempo é relativo. O paso do tempo, inevitable.



UN ARTIGO ELABORADO POR: mariam
Gran Colaboradora de A Lareira Máxica

1 comentarios feitos. Deixa o teu!!!!! :

Patricia Loureiro dixo...

Muitas felicidades Mariam. Non teño o gosto de coñecerte pero o Julio fala marabillas.
Co dos anos non te agobies. A tod@s nos pasa. É unha mágoa, si, pero non se poden cambiar as cousas que non dependen de nós, e a o elixir da eterna xuventude é unha grande trola.
A ver se o reloxio ese de area, cando menos, pasa máis despacio.
O que ninguén nos pode sisar son os momentos agradabeis que a vida nos deixou, lembranzas coma a que nos relatas dos tempos universitarios.
Biquiños